Áreas de traballo

Temos programas de formación e acompañamento para empresas, centros educativos, institucións e grupos de persoas. Programas xa testados e mellorados co paso dos anos para que realmente funcionen.

Tamén traballamos á medida para aqueles proxectos que teñan necesidades específicas. Escoitamos e co-deseñamos para crear cambios reais.

 

Estas son as nosas áreas de traballo:

Desenvolvemento emocional

Cando falamos de desenvolvemento emocional falamos de nutrir e reforzar diversas competencias emocionais para experimentar mellores relacións con nós mesmas e co resto. Falamos de adestrar a capacidade de “darnos conta” do que nos pasa, do que sentimos, do que precisamos. Falamos de integrar aprendizaxes “terapéuticas” que nos axuden na nosa regulación emocional. Falamos de practicar enfoques e ferramentas para afrontar coa maior calma, amabilidade e flexibilidade posible os vaivéns emocionais da vida. Falamos de ter mellores vidas.

Igualdade de xénero

Cando falamos de igualdade de xénero falamos de cuestionar o que aprendemos case sen decatarnos cada unha, cada un, neste sistema social patriarcal. Falamos de aprender a mirar as dinámicas sociais, organizacionais, familiares e persoais tendo en conta as desigualdades que aparecen, e de cuestionar o modelo que se coloca como correcto, válido ou exitoso. Falamos de incorporar a perspectiva de xénero no cotián, nas decisións, nas relacións, nas estruturas. Falamos de corresponsabilidade, de representación e de prevención de violencias. Falamos de como estamos e de como miramos o mundo unhas e outros. E por iso falamos de poder ampliar a mirada para construír espazos máis xustos, diversos e habitables para todas as persoas.

Desenvolvemento e coaching de equipos

Cando falamos de desenvolvemento e coaching de equipos falamos de acompañar as persoas para que poidan traballar mellor xuntas. Falamos de xerar espazos de confianza onde sexa posible falar do que importa, abordar tensións e construír acordos máis conscientes. Falamos de fortalecer a cohesión, a claridade nos roles, a responsabilidade compartida e o sentido de propósito. Falamos de xestión do conflito e de aprender a previlo. Falamos de liderados máis humanos, capaces de soster a diversidade e a complexidade sen perder o coidado das persoas. Falamos de equipos que non só funcionan, senón que se senten ben traballando xuntos.

Comunicación NonViolenta

Cando falamos de Comunicación NonViolenta falamos de transformar a forma na que miramos as relacións a través da linguaxe. Falamos de aprender a escoitar con empatía e de expresarnos desde a autenticidade e o coidado. Falamos de comunicarnos aprendendo a entender como nos sentimos (vocabulario e conciencia emocional), que precisamos e que queremos en realidade (peticións, acordos e límites). Falamos de colaboración, claridade e conexión. Falamos de empatía e de prevención de conflitos. Falamos do coidado como filosofía. Falamos de facer desta “nova forma” unha práctica cotiá, real e efectiva, para aprender a construír mellores relacións en cada un dos contextos da vida.